22 de xuño de 1998
«O amor é un paxaro indomable que ninguén pode amestrar e é en balde chamalo se ao amor antóllaselle rexeitarnos. De nada serve, ameazar ou suplicar. Un fala, o outro cala e é o calado ao que prefiro. O amor, o amor, o amor...»12
Alba espertou atrapada nos brazos de Jacques e coa mesma roupa do día anterior posta. Nese instante dubidou se pasara algo con el ou o soñara. «Se estou vestida seguro que non ocorreu nada. Non sei se alegrarme ou chorar», cavilaba inmóbil para non meter ruído cos resortes do colchón. Tiña que ir ao lavabo pero podía aguantar un pouquiño máis. Non quería romper a maxia do momento. Con todo, a súa mente traizoeira coaccionouna, obrigándoa a reflexionar na derradeira vez que levara un home a casa. Ao parecer a primavera prometía ser frutífera. Ora que errou, como de costume no concernente a temas amorosos. Aquel imbécil quitáralle a gana de manter calquera tipo de relación seria. Era un snob que se cría un ser superior ao resto dos comúns e mesmo desgustáballe mesturarse coa plebe. Tampouco sostiña conversacións moi intelixentes. No fin de contas, Alba chegara á conclusión que o único don do rapaz radicaba no ben que fochicaba. Mais sexo sen amor non vai a ningures. Duraron menos dunha quincena. A estudante prefería estar soa que mal acompañada. «Que fago pensando no idiota de Borxa cun tío bo durmindo a sono solto na miña cama!», reprendeuse para si. En certas ocasións, beneficiaríalle ser coma Uxía e desfrutar cada intre, en vez de darlle tantas voltas á chola. «Carpe diem», recitaba con frecuencia a súa amiga.
Todas as faccións do rostro do mohicano gozaban dun excelente deseño de impresión. A súa lenta respiración denotaba unha calma interior que ela era incapaz de conservar ao seu lado, así que non puido evitar acariñalo. O violinista tardou escasos segundos en darse conta que o vixiaban. Xamais baixaba a garda. Estar alerta arreo formaba parte do seu traballo.
—Bonjour! Bos días peregrino… Durmiches ben neste albergue do Camiño? —rumoreoulle melosa ao oído.
—Bos días, preciosa! Podo xurarche que a túa compaña foi o mellor acocho, con diferenza, da miña peregrinación. E ti… puideches descansar? —preguntoulle el, estarricando os brazos e bocexando.
—Coma un bebé... á túa beira —contestoulle Alba esbozando un tímido e inocente sorriso. Devoraría os seus apetitosos beizos se non fose polo comportamento infantil amosado de madrugada—. Jacques —musitou con xesto compunxido—, quería desculparme. Sinto vergonza polo sopapo que che asestei onte á noite. Ignoro o que pasou pola miña cachola pra reaccionar así...
—Esquéceo! Imos empezar de cero, on est d’accord? —simpatizou, dándolle un belisco agarimoso nunha fazula.
—Oui! Estamos de acordo! Merci beaucoup! —agradeceu ela, devolvéndolle un aceno de satisfacción—. Agora se me escusas vou ao lavabo.
Cando abriu a porta do dormitorio reparou na ausencia do resto dos hóspedes. Uxía deixara unha nota derriba do mesado de granito da cociña: «Alba marcho pra casa. Levo comigo a Jean e Antoine. Quedamos ás 19 h no Café da Praza Quintana. Pásao ben, pillabana. E lembra: Carpe Diem!».
Alba duchouse para eliminar calquera rastro de alcol e marihuana no corpo. Coa pel limpa e o pelo lavado dispúxose a facer o almorzo, aínda que pola posición do sol parecían as once ou doce do mediodía. Sempre esquecía cambiar a pila do reloxo da campá da cociña. Había meses que marcaba as nove. Mentres cociñaba ovos con touciño, tostadas con marmelada de tomate caseira e espremía laranxas, cantaruxaba desentoada: «Stand by me, nobody knows the way it’s gonna be...», do último disco dos Oasis.13
Jacques apareceu no salón, asomando o seu cabelo recollido nun cadrelo, polo oco da barra americana. Traía posto un arrebatador sorriso con coviñas nos pómulos.
Ao preguntarlle onde estaban todos, Alba faloulle da nota da súa amiga Uxía.
—Prefires que fique canda ti, ou nos vemos a iso das sete na catedral?
—Fica comigo, ninguén sabe que pasará... como di a canción —respirou fondo—. Agora vai en serio: encantaríame que quedases… comigo. Amais, estou cazoleando un rico almorzo para os dous —acenou meliflua.
A ducha fresca que tomara viñéralle de perlas para despexar as ideas e apearse da nora de emocións contrapostas na que montara de madrugada. Malia os temores que a alarmaban ante o suspicaz cortexo do violinista casado, decidiu pasar de todo e saírse coa súa. Optou por facerlle caso á súa amiga e gozar polo menos durante unhas horas máis da tentadora compañía do domador do Stradivarius, nun estimulante espazo de atraccións.
—Entón… logo que quererás facer, preciosa? —insinuouse intencionadamente aloumiñándoa e cegándoa co seu penetrante ollar.
—Retratarche entre tanto tanxes o teu violín pra min. A non ser... que teñas algún compromiso esta mañá.
—Le seul compromis que j’ai, est jouer mon violon pour une belle demoiselle —retrousou cativándoa—. Ora ben, se non che importa gustaríame dar unha ducha rápida.
—Oui, bien sûr! Se o precisas, podes coller unha toalla limpa do moble do lavabo.
***
Tiñan tanta fame que apenas conversaron. Falaban coas miradas e coqueteaban namentres satisfacían os seus estómagos. Ela tapábase tímida a boca co pano de mesa. El chufábase xocoso do seu sutil xeito de mastigar a comida. Verdadeiramente parecíalle moi sensual.
—Que che apracería escoitar? —demandou Jacques, tras afinar o instrumento de seu.
—O ca ti prefiras. Déixoo a túa libre escolla —respondeulle discreta, apoiándose na barra americana.
—Très bien, aquí vai unha aria dedicada en exclusiva para ti —resaltou el, esbozando un atractivo xesto cos beizos.
O violinista iniciaba unha nova partida da man do mellor compañeiro de sedución posible, e co anel que tanto atormentaba á moza, fóra da súa vista. Comezou a deleitala cos sons da habanera: “O amor é un paxaro rebelde”. Ela sorría ao pillar a indirecta lanzada por Jacques coa suxestiva mensaxe da composición: «O amor é un paxaro indomable que ninguén pode adestrar e é en balde chamalo se ao amor antóllaselle rexeitarnos». Entrementres tentaba debuxalo, recreaba no seu maxín á ‘Divina’ soprano grega María Calas entoando esta obra de arte musical. Alba non podía pintar. As súas mans estaban paralizadas, encadeadas ao alquimista que a enfeitizaba coa súa incesante maxia. Un nó mariñeiro instaurouse na súa gorxa, provocándolle unha dificultosa respiración. Descansou a palma da man esquerda no ventre e inspirou con todas as forzas, coma se estivese a invocar ao Deus Eolo para colmar de vento os pulmóns. Unha vez asolagados por completo, expulsou o ar... exhalándoo... vagarosa... con calma... procurando relaxarse.
—Brillante… sen palabras… impresionante —aplaudiu ela ao fin da actuación—. Creo que son incapaz de pintar —musitou engorde—, mais hei de facelo —trataba de convencerse para si. Mentía. A dicir verdade, desexaba deixalo en coiros. Inda andaba arrepentida do fatal desenlace da pasada noite. Pensou en recuperar o tempo perdido. Porén, o pudor apoderouse dela e, moi ao seu pesar, proseguiu desempeñando o papel de retratista—. Poderías tocar preto da xanela? Preciso unha maior cantidade de luz natural —solicitoulle, sinalando cun lapis, coma se fose a directora dunha orquestra dirixindo aos músicos coa batuta—. E agora… importaríache sacala goma do cabelo? —vacilou, levando de maneira inconsciente o cilindro de madeira á boca. Sen querer, premíao cos dentes.
—C’est bien comme ça? —consultou el, ao soltarse o pelo e peitear a súa longa melena cal modelo que pousa diante do seu pintor. Aínda así, Alba continuou amosándose insatisfeita. Sen pretendelo, exteriorizou un pequeno aceno de desaprobación. Morría de ganas por pintar o seu torso espido!—. Demándame o que sexa, preciosa. Allons! Non te coutes.
—Prométoche que é o último que che pido! —confesoulle coa man destra no peito, en sinal de xuramento—. Poderías... tu peux… enlever ton… ton t-shirt? Encantaríame retratarche tanguendo o violín sen... nada arriba —gaguexou ruborizada e sorprendida por actuar dun xeito tan impulsivo.
Para ela non existían mellores vistas que as dun home vestido unicamente con pantalóns vaqueiros. Tan só de imaxinar o espectacular corpo, practicamente nu, do francés sentía un intenso formigo na boca do estómago.
—C’est bon… pero cunha condición… —esixiulle el con picardía, mentres ela amosábase expectante, arqueando as cellas e poupando o seu queixelo inqueda—, ca ti tamén cha quites —dixo contundente.
Alba quedou desconcertada porque non se puxera suxeitador. Aínda que, chegados ao punto dunha irrevogable volta atrás, calquera cousa daba igual. Afastou as súas pantasmas mentais e repúxose deseguida. «De perdidos ao río, así hai menos obstáculos no camiño», ríase irónica. A súa cabeza decidiu tomarse a liberdade de asentir pola súa dona.
Jacques retirou a súa camiseta e deixouna encol do puf pera. Exhibía un torso atlético e moi traballado. No ombro dereito lucía unha rechamante tatuaxe tribal en cor negra: un sol de oito puntas iluminaba a estrela de David impresa no miolo central. «É xudeu», deduciu Alba.
—A ver se che gusta esta interpretación do “Nocturno Opus 9 número 2” composto por Chopin para piano!—suxeriulle, antes de apoiar a barbela no Stradivarius.14
—Estou ansiosa por escoitarte! —musitou ela, coa voz entrecortada.
En canto comezou a soar a melodía, unha gota de suor escorregou polo esvelto pescozo dela para rematar fundíndose á calor dun pronunciado escote. Tiña os nervios a flor de pel. Gozaba en exclusiva dos sons desprendidos polas cordas do violín, fretadas co arco dun xeito maxistral. A música fluía, propagábase, asolagaba mesmo o derradeiro recuncho da estancia. A maxia e a harmonía apoderábanse dos cinco sentidos da moza. Sentíase coma un peixe ao que lle botaran o anzol e estaba a piques de saír á superficie da auga, arrastrada contracorrente por unha cana de pescar. «Xa non hai escapatoria. Arestora é a miña quenda», tentaba convencerse. Deu unha bocalada de ar, expulsouno e dispúxose a cumprir a súa parte do trato.
Sentada nunha banqueta á carón da barra americana; plenamente seducida e enfeitizada polo mago tolosano, desabotoou a blusa e quedou cos peitos ao descuberto. O artista tanxía o instrumento de corda de maneira deliciosa, á par que movía con graza o torso espido e ondeaba a súa longa cabeleira escura. Embriagada pola posta en escena, Alba colleu, de segundas, o caderno de debuxo para bosquexar co carbón. Malia ao tremer do seu pulso, conseguiu serenarse e ceder a súa mente ao encanto das emocións que agromaban do rondó musical.
O violinista cambiaba as oitavas da partitura orixinal escritas para piano adaptándoas ao Stradivarius. A melodía ía in crescendo. Interpretábaa en tempo rubato; acelerándoo e desacelerándoo libremente, engadindo unha maior emoción sensorial á composición rítmica. As xemas dos seus dedos deslizábanse con virtuosidade polas cordas, elaborando un apaixonado clima de sonoridade dramática, producindo unha excelente ornamentación na peza co uso de glissandos: efectos acústicos que permiten transitar dunha nota grave a unha aguda con axilidade, e posibilitan a apreciación de todos os sons intermedios existentes entre un e outro ton.
De súpeto, Jacques interrompeu a canción, aproximouse á barra e aparcou nela o aparello musical. Sen dicir nin pío retirou o lenzo que ela estaba a pintar, brindoulle un descomunal sorriso e provocouna, ofrecéndolle un púdico ósculo na comisura dos beizos. Logo, acariñoulle a fazula dereita. Alzou e orientou a súa fina barbadela para que percorrera coa vista os seus movementos. Deseguido, descolgou un fular de seda vermello que pendía da percha do recibidor. Mostroullo mudo, solicitándolle consentimento coa mirada. No retrinco que Alba asentiu, Jacques tapou co fular os seus fermosos ollos azuis.
Un cúmulo de afrodisíacas sensacións invadírona cando o violinista situouse detrás dela e percibiu o seu torso e a súa deliciosa fragrancia ao rozala. Decontado, un intenso calafrío precipitou unha lixeira contracción de todos os músculos do seu corpo. Puxéronselle os pelos de espeto. As mamilas, posuídas por unha incontrolable excitación, endurecéronse. Alba adentaba o beizo inferior, humedecéndoo. A súa respiración axitouse, alterouse, alborotouse. Jacques trataba de contela. Se non a freaba era igual ca unha gran bóla de lume a piques de estoupar. Aínda non chegara o momento.
—Chut... calme-toi, trésor! —repetía arreo, Jacques.
A Alba estas tranquilizadoras palabras ao oído, polas costas, excitábana. O francés esbozou un cándido sorriso coma se estivese a adiviñar os seus pensamentos. Tomou de novo o instrumento musical. Termou o mastro en forma de voluta coa man esquerda e a vara curva coa dereita. Capturou á moza, envolvéndoa co brazo destro. Este último, desprendía un irresistible aroma a salgado. Cruzou co arco por diante duns provocadores e exaltados seos. Atrapou coa lingua o pendente de aro que colgaba do lóbulo esquerdo dela, e, á vez que rebuldaba coa xoia, bisbaba esta frase: —On ne voit bien qu’avec le cœur. L’essentiel est invisible pour les yeux—. «Tan só se pode ver ben co corazón. O esencial é invisible a vista», parafraseou ao “Principiño” xustificando a falla provisional do sentido visual de Alba.15
Deseguido, Jacques apoiou a mandíbula na barbada do violín e comezou a executar un fragmento do nocturno sen deixar de abranguela, asemade, co brazo dereito.
Ao finalizar a prodixiosa interpretación, o músico descansou o violín na barra americana. Durante uns segundos dedicouse a observala lascivo, vicioso, quente. «Vaia tentación para os ollos!», meditaba entre tanto tomaba unha bocalada de aire e a expulsaba, inda cegado polo enérxico vaivén que recitaban aqueles apetitosos peitos con cada exhausta respiración. Apreciaba como unha choiva de minúsculas gotas de suor percorrían ao seu antollo todos os recantos daquela fermosa figura feminina.
Jacques axeonllouse no parqué e desatou as tiras negras dunha das zapatillas co piso de esparto que portaba a moza. Descalzou e fregou un pé, despois o outro. Rubiu polas extremidades inferiores acariñando, entreténdose con dozura en cada recuncho de epiderme, até aterrar nunha ardente entreperna, ávida en desexo. Agarrouse ao exquisito traseiro, reptou polas nádegas e retirou a banqueta na que estaba sentada Alba. Xa incorporada, desabrochou un a un, os catro corchetes dianteiros de apertura da minisaia estampada. Deixouna caer... ao baleiro. Palpou un chameante e húmido sexo, cuberto por un minúsculo tanga vermello coral. Perfilou unha silueta coas xemas dos dedos. Enganchou os cordóns laterais da braguiña e deslizouna… paseniño… polas coxas… para atravesar o sinuoso sendeiro dunhas longas e sedosas pernas.
O violinista despoxouse dos seus vaqueiros con destreza, sen que ela, borracha de estímulos, cega de mirada, se decatase. En ningún momento cesou en aloumiñala e excitala. Alzouna en brazos, trasladouna e tendeuna con coidado sobre o lene tecido da alfombra morada que decoraba os pés do sofá cama do salón. Deseguido, comezou a recrearse bicando, lambendo, amordicando con intensidade a pel, a deliciosa boca de Alba. Ambos corpos xuntáronse, tentáronse luxuriosos, ansiosos, libidinosos. As erectas mamilas dos seus peitos bateron, viraron, danzaron coa cadencia dun valse, compuxeron fermosas coreografías circulares. Jacques ardía en fogosidade, degoxaba explorala sexualmente. Ela retorcíase, tentaba poupalo coas mans. El inmobilizáballe as bonecas, ambicionando adquirir o control absoluto. Cobizaba dominala e conducila cara a senda con destino á fantasía erótica máis salvaxe. Devecía retela, para logo liberala e que reloucara de gusto sufocada, arroubada, colmada de gozo. Anhelaba culminar contemplando a súa fermosa face en estado de éxtase.
—Quítame o fular dos ollos Jacques, déixame verte! —vibraba, ansiosa.
El facía caso omiso á súa demanda, provocando nela un maior degoiro. Aínda que xa alcanzara a fronteira, o límite da resistencia. Chegara a hora de posuíla e mergullarse naquel volcán interior, no profundo pozo no que habita a felicidade suprema, no cálido paraíso onde se aloxan os máis ocultos e pracenteiros misterios.
Na rúa, ao lonxe, escoitábase o rumor dunha tuna compostelá: «Cando a tuna déache serenata, non te namores compostelá. Que cada cinta que adorna a miña capa, garda un anaquiño de corazón».16
***
Ás sete en punto da tarde, Jacques e Alba accederon á Praza Quintana; un grandioso espazo aberto, separado en dous niveis por chanzos de pedra, que albergaba a fachada este da catedral. Quedaran na cafetería sita na zona alta, na Quintana de Vivos, mais na chaira inferior: a dos Mortos; denominada así por ser un lugar de enterramento até finais do século XVIII, unha banda de gaiteiros interpretaba a “Alborada da Veiga”.17
Entre a multitudinaria audiencia atopáronse con Jean, Antoine e Uxía dando palmas ao ritmo da música. Sumáronse a eles. Ao terminar a Alborada Galega, os artistas comezaron a interpretar “O Andar Miudiño”. Uxía, Alba e outros espontáneos do público puxéronse a entoar a folclórica cantiga popular levándose a man ao peito, coma se declamasen un himno patriótico: «Éche un andar miudiño, miudiño, miudiño, miudiño, miudiño, o que eu traio. Que eu traio unha borracheira de viño, que auga non bebo. Mira Maruxiña, mira como veño». Nese momento Alba lembrou o recente debate na facultade falando do tema. Parecíalle un tanto curioso que a letra inicial desta cantiga tradicional pasase de ser a crónica dun tráxico accidente de mina asturiano a converterse nun recoñecido cántico de bebedeira; ou viceversa, posto que os estudantes non lograron poñerse de acordo cal fora primeiro.18
—Andan a tocar “Dublin en Vigo” dos Chieftains e Carlos Núñez! Vinos en directo cando gravaron o disco en Vigo hai dous anos. Son unha pasada, chaval! —vociferaba Uxía pulando e cantando a pandeirada “Ai Lola, Lola, Lola”.19
—Cando soen as muiñeiras, imos bailar canda eles —propuxo Alba, sinalando a un improvisado grupo de baile que estaba a formarse ao carón dos gaiteiros.
—Alba, qu’est-ce que c’est “munieja”? —pescudou Jacques.
Tentaba descifrar o contido das conversacións das amigas. Sabía moito máis galego do que aparentaba, aínda que dominar a lingua de Rosalía de Castro era unha das súas materias pendentes.
—É o noso baile tradicional. Recrea o movemento circular das moas dos muíños. Os veciños das aldeas de antano adoitaban compartilos. Mentres uns moían os cereais, os que agardaban a quenda da moenda entretíñanse cantando, tocando e bailando.
—Oh la la la! Je comprends.
Tal e como conviñeran, en canto empezaron a soar os primeiros acordes da “Muiñeira de Cabana”, as amigas uníronse ao grupo de baile. Colocáronse de face nas dúas filas existentes. Un mozo altísimo, con lentes e peiteado cun moño tirante, facía de guía. O resto de bailaríns seguían os seus pasos, chamados puntos, tecnicamente falando. Alzaron ámbalas mans. Estas, permanecerían erguidas durante toda a muiñeira. A pandeireta mandaba nos movementos dos pés. Co destro marcaban: tacón, punta, tacón, daban un paso cara adiante, outro cara atrás, alzaban o xeonllo dereito e executaban un zigzag. Decontado reflectiron os mesmos puntos co pé e xeonllo esquerdos. Aos puntos seguíronlles jetés, emboutados, cambios e diferentes tipos de volta.
O escenario era idílico; un contorno sacro, amenizado por unha acorde sinfonía, onde todos os concorrentes rían, cantaban e bailaban. As gaitas liberaban sons a cada canto máis agrestes. Os tambores apresuraban a percusión das notas. O público daba palmas coa cadencia da melodía. Os músicos animaban aturuxando; emitindo berros coma se fosen antigos celtas galegos alentando aos combatentes antes de iniciar unha batalla. Sen lugar a dúbida, estaba a soar a recoñecida “Muiñeira de Chantada”.20
Antoine e Jean fixeran plans para ir andando até Fisterra, concluír o camiño alí e realizar un día de escalada libre. Ao igual ca Jacques, eles tamén adoitaban practicar este deporte.
—Non sabía que se practicase escalada en Fisterra —comentou Alba estrañada.
—A dicir verdade, na Costa da Morte ascéndense boulders; bloques de farallóns que se soben a pulso, coa única axuda da forza e a pericia. Non se empregan cordas nin suxeicións coma nos ascensos verticais —replicou Jacques como “suposto” experto alpinista que dicía ser.
—Eu non teño nin idea destas historias... mais vou con eles —revelou Uxía, mirando de esguello a Jean.
—Xa sabes que eu non podo porque mañá casa Maia na Ribeira Sacra —negou Alba coa cabeza—. Gustaríache vir comigo, Jacques? É unha voda informal —espetoulle sen razoalo. «Pero... dende cando estou tan tola? Que me está pasando, que de boas a primeira invito a un home casado que non coñezo de nada ao casamento dunha das miñas mellores amigas? Con absoluta certeza… estou fatal da testa», divagaba desconcertada ao experimentar o libre albedrío elevado á máxima potencia.
—Paréceme unha excelente proposta —respondeulle perplexo perante a inesperada oferta.
Os plans estaban saíndo redondos. Jacques sentíase satisfeito do traballo feito até entón.
12 1875 L’amour est un oiseau rebelle, Ópera Carmen, George Bizet.
13 1997 Stand by me. Álbum: Be here now, Oasis.
14 1830 Nocturne Opus 9 nº 2, Frédéric Chopin.
15 1943 Le Petit Prince, Antoine de Saint-Exupéry.
16 1958 Tuna Compostelana, Mariano Méndez Vigo.
17 1880 Alborada Gallega, Pascual Veiga Iglesias.
18 1963 Gruvarbetarsång (canción de mineiros). Álbum: Spanska motståndssånger (cancións da resistencia española), Chicho Sánchez Ferlosio.
19 1996 Dublin in Vigo, Álbum: Santiago, The Chieftains & Carlos Nuñez.
20 1865 Muiñeira de Chantada, Hermanos Manuel e Antonio Fernández, Banda do Ferraias.